Retrato en infravermellos da Gran Nube de Magallanes

See Explanation.  Clicking on the picture will download  the highest resolution version available.

Créditos da imaxe: ESA / NASA / JPL-Caltech / STScI

Explicación: as nubes de po cósmico ondean por este retrato en infravermellos da galaxia satélite da nosa Vía Láctea, a Gran Nube de Magallanes. De feito, a extraordinaria imaxe composta grazas ao Observatorio Espacial Herschel mailo Telescopio Espacial Spitzer amosa as nubes de po que enchen esta galaxia anana veciña, así coma o po ao longo do plano da propia Vía Láctea. As temperaturas do po tenden a perfilar a actividade de formación estelar. Os datos do Spitzer, en cores azuis, indican o po quente arrequecido polas estrelas noviñas. Os instrumentos do Herschel contribuíron aos datos da imaxe que se amosan en vermello e verde, desvelando a emisión do po procedente das rexións intermedias e máis frías, onde a formación estelar está a comezar ou xa rematou. A aparencia infravermella da Gran Nube de Magallanes, dominada pola emisión do po, é diferente da visión en imáxenes do visual. Pero a famosa Nebulosa da Tarántula desta galaxia aínda sobresae, visible de xeito doado aquí como a rexión máis brillante á esquerda do centro. A só 160.000 anos luz de distancia, a Gran Nube de Magallanes ten uns 30.000 anos luz de diámetro.