Por tras de Saturno

BehindSaturn_Cassini_960Créditos da imaxe: NASA/JPL-Caltech/Space Science Institute
Explicación: que hai por tras de Saturno? A primeira resposta sería a propia cámara, pendurada da nave espacial Cassini, que na actualidade está a orbitar por tras do planeta que ten o maior sistema de aneis do Sistema Solar. A estraña perspectiva deixa á Cassini na beira afastada desde o Sol así que a metade de Saturno aparece escura; unha perspectiva que ningún observador terrestre podería acadar. Por tras de Saturno, no contexto da fotografía en infravermellos publicada, está a lúa Tethys, que se olla como unha manchiña pequena por riba da rara nube de deseño hexagonal que envolve o polo sur de Saturno. Realmente, Tethys orbita ao planeta xusto no plano dos aneis, que sitúa á lúa de 100 km de diámetro moito máis afastada da Cassini có propio planeta. A Cassini estivo a estudar a Saturno mailas súas lúas durante 12 anos pero, por desgraza, a súa abraiante misión rematará cedo. Con fin de protexer a vida que puidera existir sobre ou no interior das lúas de Saturno, a nave espacial automática será dirixida para bater na grosa atmosfera de Saturno o vindeiro setembro.