Cabeza de Cabalo: unha visión máis ampla

Composición e procesado: Robert Gendler
Datos da imaxe: ESOVISTAHLAHubble Heritage Team (STScI/AURA)

Explicación: para crear esta ampla perspectiva da paisaxe interestelar que arrodea á famosa nebulosa Cabeza de Cabalo foron empregados datos do gran telescopio terrestre VISTA e do Telescopio Espacial Hubble. A poeirenta nube molecular da rexión, captada en lonxitudes de onda do infravermello achegado, espállase por toda a escena que cobre un ángulo duns dous terzos do tamaño da Lúa chea no ceo. De esquerda á dereita abarca xusto uns 10 anos luz á distancia estimada para a Cabeza de Cabalo de 1 600 anos luz. A aínda recoñecible nebulosa Cabeza de Cabalo, coñecida tamén coma Barnard 33, fica na parte superior dereita, co brillo no infravermello achegado un piar de po que remata en estrelas recén nadas. Por baixo e á esquerda a propia nebulosa brillante de reflexión NGC 2023 é alumeada no contorno dunha estrela nova e quente. As escuras nubes de po por baixo da base da Cabeza de Cabalo e nas aforas de NGC 2023 amosan a desveladora emisión vermella dos potentes chorros, coñecidos coma obxectos Herbig-Haro, tamén asociados con estrelas recén nadas.