Sputnik Planum fronte a Krun Macula

  KrunMaculaNewHorizons1024cCréditos da imaxe: NASA, Johns Hopkins Univ./APL, Southwest Research Institute
Explicación: as chairas furadas xúntanse coas terras altas abruptas de Plutón nesta fotografía espectacular. Á esquerda atópase unha extensión sueste da rexión brillante que aínda se coñece informalmente coma Sputnik Planum. Á dereita do bordo unha rexión escura, alcumada Krun Macula, érguese uns 2,5 quilómetros por riba das chairas xeadas. Ao longo dos cúmulos conectados e fronteirizos de grandes buratos fórmanse vales fondos, duns 40 quilómetros de longo con solos sombríos. Probablemente o xeo de nitróxeno sexa responsable das chairas máis reflectivas. Pénsase que a cor vermella escura das terras altas provén de compostos complexos chamados tolinas, un produto das reaccións químicas inducidas pola luz ultravioleta co metano da atmosfera de Plutón. A imaxe en cor salientada inclúe porcións da imaxe de resolución máis alta e da segunda de maior resolución da New Horizons do sobrevoo de xullo de 2015 polo afastado mundo.