Rexión de formación estelar S106

S106_Pimenta_960Créditos da imaxe: NASA, ESA, Hubble Legacy Archive. Procesado e copyright: Brandon Pimenta
Explicación: a estrela masiva IRS 4 está comezando a estricar as súas ás. Nacida hai só uns 100.000 anos, o material que flúe ao exterior desde esta estrela recén nada formou a nebulosa denominada Nebulosa Sharpless 2-106 (S106), amosada aquí. Un disco grande de po e gas orbitando á Fonte de Infravermellos 4 (IRS 4), que se olla en marrón preto do centro da imaxe, dálle á nebulosa unha forma de reloxo de area ou bolboreta. O gas de S106 preto de IRS 4 actúa coma unha nebulosa de emisión xa que emite a luz tras ser ionizada, mentres o po afastado de IRS 4 reflicte a luz que procede da estrela central e, por tanto, actúa coma unha nebulosa de reflexión. Unha inspección polo miúdo dunha recente imaxe de infravermellos de S106 desvela centos de estrelas ananas marróns de masa baixa axexando dentro do gas da nebulosa. S106 abarca uns 2 anos luz e atópase a uns 2000 anos luz de distancia cara a constelación do Cisne (Cygnus).