Solpor no Golden Gate: o raio verde

Créditos do vídeo e  copyright: Alex Rivest; Música: Eureka por Huma-Huma
Explicación: o escenario é a badía de San Francisco, o intre é o solpor, e a ponte é o Golden Gate. O que estás a ollar é un abraiante solpor dobre rematando cun raro raio verde. Obsérvao con atención; no vídeo secuencia gravado, o aire excepcionalmente quente creado polo tráfico da ponte refracta a luz solar cara a Terra, facendo que se forme unha imaxe superior na parte alta do Sol. Esta imaxe desaparecerá (convertíndose no primeiro “solpor”) só despois de que a imaxe principal se afunda por baixo da plataforma. Ao mesmo tempo, os barcos navegan en primeiro plano, os coches circulan por riba da ponte e as nubes que reflicten a luz solar vagan ao lonxe. A escena remata coa propia atmosfera turbulenta da Terra creando un camiño que só a luz solar visible da máis alta enerxía pode percorrer, facendo que a derradeira ollada da nosa estrela fogar semelle brillar en verde.