Dobre cúmulo de Perseus

Dobre cúmulo de PerseoCréditos da imaxe e copyright: Fabian Neyer
Explicación: este engaiolante campo estelar abarca unhas sete lúas cheas (ao redor de 3,5 graos) de diámetro na heroica constelación setentrional de Perseus. Xusto á dereita do centro contén á famosa parella de cúmulos estelares abertos ou galácticos, h e Chi Perseii. Ámbolos dous cúmulos, catalogados tamén coma NGC 869 (á dereita) e NGC 884, están a uns 7.000 anos luz de distancia e conteñen estrelas moito máis novas e quentes có Sol. Os cúmulos, afastados por só uns poucos centos de anos luz, teñen os dous 13 millóns de anos de idade baseándonos nas idades das súas estrelas individuais, evidencia de que probablemente foron un produto da mesma rexión de formación estelar. O Dobre Cúmulo, sempre unha visión gratificadora con prismáticos, incluso é visible a simple vista desde localidades escuras. Aínda que non se ven con prismáticos e non aparecen a miúdo en imaxes telescópicas da rexión, hai unhas nubes tenues de gas hidróxeno ionizado avermellado que se atopan por toda esta destacada paisaxe celeste cósmica. A imaxe, unha composición en cor, inclúe datos de banda estreita para salientar a emisión das nubes de hidróxeno. Cara a parte superior á esquerda do amplo campo de visión pode ollarse outro cúmulo estelar aberto máis pequecho, NGC 957, tamén de idade semellante e distancia e probablemente relacionado co máis famoso Dobre Cúmulo de Perseus.