Cometa achegado e Vía Láctea


See Explanation. Moving the cursor over the image will bring up an annotated version. Clicking on the image will bring up the highest resolution version available.
Créditos da imaxe e copyright: Alex Cherney (Terrastro, TWAN)
Explicación: a encantadora coma verdecente do cometa 252P/Linear é sinxela de ollar nesta ampla paisaxe celeste meridional. O cometa, visible a simple vista desde o escuro lugar preto de Flinders, Victoria (Australia), semella sen cola. Con todo, a coma abraiantemente brillante abarca un grao máis ou menos, pousando aquí por diante das nebulosas, as estrelas e as escuras fendas da Vía Láctea. Os cinco paneis empregados no mosaico de amplo campo foron captados trala posta da Lúa e antes do crepúsculo matutino do 21 de marzo. Iso foi menos de 24 horas desde o achegamento máis próximo do cometa, a tan só 5,3 millóns de quilómetros do noso fermoso planeta. Cruzando rapidamente o ceo por estar tan preto da Terra, o cometa debería albiscarse nos vindeiros días polos observadores cometarios do hemisferio norte. Nos ceos previos ao mencer pero co luar, moverase ao través de Sagittarius e Scorpius mirando cara o horizonte meridional. Iso é preto do triángulo formado polos brillantes e amarelados Marte, Saturno e Antares, na parte superior esquerda deste recadro.