NGC 2623: galaxias en fusión desde o Hubble


Créditos da imaxe: ESA/Hubble e NASA
Explicación: onde se forman as estrelas cando as galaxias colisionan? Para axudar a averigualo os astrónomos fotografaron a achegada fusión galáctica NGC 2623 en alta resolución co Telescopio Espacial Hubble. A análise desta e outras imaxes do Hubble así como as imaxes de NGC 2623 en luz infravermella polo Telescopio Espacial Spitzer, en luz de raios X polo XMM-Newton e en luz ultravioleta por GALEX, indican que dúas galaxias orixinalmente espirais semellan agora estar a evolucionar moito e que os seus núcleos se unificaron nun núcleo galáctico activo (AGN). A formación estelar continúa ao redor deste núcleo preto do centro da imaxe publicada, ao longo das colas de marea estarricadas e visibles a cada lado e quizais, de xeito abraiante, nunha rexión fóra do núcleo na parte superior esquerda onde aparecen cúmulos de estrelas azuis brillantes. As colisións de galaxias poden levar centos de millóns de anos e contar con varios pasos gravitacionalmente destrutivos. NGC 2623, coñecido tamén coma Arp 243, abarca uns 50.000 anos luz e está a uns 250 millóns de anos luz de distancia cara a constelación do Cangrexo (Cáncer). A reconstrución das galaxias orixinais e como acontecen as fusións de galaxias é a miúdo desafiante, ás veces imposible, pero xeralmente importantes para comprender como evolucionou o noso universo.