Orbitar un burato negro

Créditos da imaxe e copyright: Robert Nemiroff (MTU)
Explicación: como sería orbitar un burato negro? Como a potente gravidade dun burato negro pode alterar de xeito significativo os camiños da luz, as condicións semellan certamente estrañas. Por unha banda, todo o ceo sería visible, xa que incluso as estrelas por detrás do burato negro verían a súa luz torcida aos ollos do observador. Por outra, o ceo preto do burato negro aparecería distorsionado dun xeito significativo, con máis e máis imaxes do ceo visible completo cada vez máis preto do burato negro. O máis rechamante visualmente, quizais, sería a imaxe do ceo máis exterior completamente contida dentro dun disco facilmente recoñecible denominado o anel de Einstein. Orbitar un burato negro, tal e como se amosa no vídeo ilustrativo de máis arriba creado por ordenador e cientificamente preciso, amosará as estrelas que pasan casi directamente por tras do burato negro mentres viaxan voando a lume de carozo ao redor do anel de Einstein. Aínda que as imaxes das estrelas preto do anel de Einstein poden semellar moverse máis rápido cá luz, ningunha se está a mover realmente tan rápido. O vídeo superior é parte dunha secuencia de vídeos que explorar visualmente o espazo preto do horizonte de eventos dun burato negro.

Texto orixinal no APOD.