Arrodear un burato negro pola súa esfera de fotóns

Créditos da imaxe e copyright: Robert Nemiroff (MTU)
Explicación: como sería ir directamente ata un burato negro? Un lugar particularmente interesante preto dun burato negro é a súa esfera de fotóns, onde os fotóns poden orbitar en círculos, unha esfera un 50 por cento máis alá có horizonte de eventos. Ao estares ti ollando ao exterior desde a esfera de fotóns dun burato negro, a metade do ceo aparecería completamente negro, a outra metade do ceo aparecería estrañamente brillante e parte traseira da túa cabeza parecería atravesar a metade. O vídeo superior animado por ordenador representa esta visión desde a esfera de fotóns. A razón pola que a rexión inferior, tal e como se amosa, aparece negra débese a que todos os camiños de luz desta rexión escura saíron do burato negro; que clasicamente non emite luz. A metade superior do ceo aparece agora estrañamente brillante, tirando ao azul, e amosa imaxes do ceo cada vez máis completo e máis preto da luz escura que divide a imaxe pola metade. A división de luz escura é a esfera de fotóns (a túa situación) e como os fotóns poden arrodeala aí, a luz que vén de detrás da túa cabeza pode rodear o burato negro e chegar ao teu ollo. Ningún lugar do ceo fica oculto para ti; as estrelas que normalmente pasarían por tras do burato negro parecen agora pasar voando rapidamente ao redor dun anel de Einstein, un anel que aparece por riba coma unha liña horizontal a un cuarto por baixo da parte superior do vídeo. O vídeo superior é parte dunha secuencia de vídeos que exploran visualmente o espazo preto do horizonte de eventos dun burato negro. (Aclaración: o creador do vídeo, Robert Nemiroff, é un editor do APOD.)

Texto orixinal no APOD.