Retrato de NGC 281

pacmancrawfordnew1024Créditos da imaxe e copyright: Ken Crawford (Rancho Del Sol Observatory)
Explicación: olla ao través da nube cósmica catalogada coma NGC 281 e poida que te perdas as estrelas do cúmulo aberto IC 1590. Aínda así, as estrelas masivas e novas do cúmulo, formadas no interior da nebulosa, alimentan tamén o penetrante brillo nebular. As formas atractivas e axexantes neste retrato de NGC 281 son columnas esculpidas e densos glóbulos de po ollados en silueta, erosionados polos ventos potentes e intensos maila radiación procedentes das estrelas quentes do cúmulo. Se sobreviven tempo abondo, as estruturas poeirentas poderían ser tamén lugares de futura formación estelar. NGC 281, chamada comicamente a nebulosa Comecocos pola súa forma, está a uns 10.000 anos luz de distancia da constelación Cassiopeia. Esta clara imaxe composta fíxose mediante filtros de banda estreita, combinando a emisión dos átomos de hidróxeno, xofre e osíxeno da nebulosa en cores verde, vermella e azul. Abarca uns 80 anos luz á distancia estimada de NGC 281.