Saturno en azul e dourado


Créditos da imaxe: Cassini Imaging Team, SSI, JPL, ESA, NASA
Explicación: por que é Saturno parcialmente azul? A imaxe publicada de Saturno achégase ao que un humano vería se roldara preto do xigante mundo con aneis. A imaxe foi tirada en marzo de 2006 pola sonda espacial automática Cassini agora en órbita de Saturno. Aquí, os maxestosos aneis de Saturno aparecen directamente só coma unha fina liña vertical. Os aneis amosan a súa estrutura complexa nas sombras escuras que crean á esquerda da imaxe. A lúa con fontes Enceladus, con só 500 quilómetros de diámetro, vese coma un vulto no plano dos aneis. O hemisferio setentrional de Saturno pode aparecer parcialmente en azul pola mesma razón que os ceos da Terra poden aparecer azuis; moléculas nas partes sen nubes das atmosferas dos dous planetas son máis eficientes ao esparexer a luz axul cá vermella. Porén, ao ollar ben fondo nas nubes de Saturno, a cor dourada natural das nubes de Saturno faise dominante. Non se sabe por que o Saturno meridional non amosa a mesma cor azul; unha hipótese mantén que as nubes son aí máis altas. Tampouco se coñece por que as nubes de Saturno están tinguidas de dourado. O vindeiro mes, a Cassini rematará a súa misión dun derradeiro e emocionante mergullo na atmosfera de Saturno.