Charla: APOD 2017. Un ano de astronomía ao través de imaxes da NASA.

Relator: X. Dositeo Veiga
Twitter: @dosiveiga
Sinopse: O Astronomical Picture Of the Day da NASA é unhas das webs máis antigas (desde 1995) que funciona a cotío. Cada día publica unha fotografía de temática astronómica comentada. Ao longo dun ano, os temas que se publican son do máis variado, o que nos permite construír con estas fotos un percorrido moi interesante polos temas que trata a astronomía e as últimas novidades e descubrimentos da ciencia. Tanto a web como esta charla están dirixidos a un público xenérico e non especializado, coa intención de contribuír á divulgación da ciencia en xeral e a astronomía en particular. Desde hai varios anos, é xa unha tradición que un dos autores da web da NASA, Jerry Bonnell, dea unha charla xusto despois das vacacións de nadal en New York, recompilando as fotografías máis destacadas do ano anterior. Agora, por terceiro ano consecutivo, damos unha charla semellante da man dun dos tradutores ao galego.
O relator, Dosi Veiga, licenciado en física pola Univ. Santiago de Compostela, conta con máis dunha década de actividades variadas no campo da divulgación científica. Redactor en Astronomía – Magazine desde o ano 2009. Colabora como socio en varias asociacións de astrónomos afeccionados (AstroVigo e Ourense Astronómico) e forma parte da xunta directiva da Asociación Galega para a Comunicación e a Cultura Científica e Tecnolóxica (www.divulgaccion.org). É o responsable principal da tradución ao galego do APOD da NASA desde abril de 2011, en www.apodgalego.com e desde novembro de 2014 en www.gciencia.com. Entre os anos 2007 e 2010 colaborou tamén coa versión en castelán. En total, máis de 3000 imaxes e textos traducidos.
Desde outubro de 2017 coordina e edita materiais de divulgación en www.ceosgalegos.com.