Primeira imaxe do horizonte dun burato negro

Créditos da imaxe: Event Horizon TelescopeCollaboration

Explicación: a que se parece un burato negro? Para averigualo, radiotelescopios de toda a Terra coordinaron observacións de buratos negros co horizonte de sucesos máis grande coñecido do ceo. Por si sos, os buratos negros son iso, negros, pero estes atractores monstrosos coñécense polo gas brillante que os arrodea. A primeira imaxe foi publicada onte e definía a área ao redor do burato negro no centro da galaxia M87 nunha escala por baixo do agardado para o seu horizonte de sucesos. Na imaxe, a escura rexión central non é o horizonte de sucesos, senón máis ben a sombra do burato negro; a rexión central de gas emitido escurecido pola gravidade do burato negro central. O tamaño e a forma da sombra está determinado polo gas brillante preto do horizonte de sucesos, polas potentes flexións de lente gravitacional e polo xiro do burato negro. Ao resolver esta sombra do burato negro o Event Horizon Telescope (ETH ou Telescopio de Horizonte de Sucesos) aportou evidencias de que a gravidade de Einstein funciona aínda en rexións extremas e deixou evidencias claras de que M87 ten un burato negro central en rotación dun 6 mil millóns de masas solares. O EHT non rematou; dirixiranse observacións futuras para acadar aínda maior resolución, seguir mellor a variabilidade e explorar a veciñanza próxima do burato negro no centro da nosa galaxia Vía Láctea.