Créditos do vídeo: ISAA, NASA, tripulación da expedición 57 (ISS);
Procesado: Riccardo Rossi (ISAA, AstronautiCAST); Música: Inspiring Adventure Cinematic Background de Maryna Explicación: algunha vez viches o despegue dun foguete, desde o espazo? Unha ollada atenda ao
vídeo secuencia publicado desvelará un foguete erguéndose ata a órbita da Terra tal e como se ve desde a
Estación Espacial Internacional (ISS). O
foguete Soyuz-FG de
Rusia despegou hai dez días desde o
Cosmódromo Baikonur en
Casaquistán, portando un módulo
Progress MS-10 (tamén
71P) que transporta provisións necesarias para a ISS. O máis sobranceiro do
vídeo de 90 segundos (que condensa uns 15 minutos) inclúe as luces de cidades e as nubes
visibles na Terra na parte inferior esquerda, as franxas azul e dourada da
luminescencia atmosférica que cruza diagonalmente o centro e as estrelas afastadas na parte superior dereita que están por tras da Terra. Pode verse unha etapa inferior
caendo de volta á Terra mentres a nave automática de provisións acende os seus propulsores e comeza a
achegarse á ISS, un
laboratorio espacial que está a celebrar o seu
vixésimo aniversario este mes. Na actualidade, viven
tres astronautas a bordo da
ISS en órbita terrestre e, entre outras ocupacións máis prácticas, dirixen
numerosos experimentos científicos que estenden o coñecemento humano e facilitan a
industria comercial futura en
órbita baixa terrestre.
Última hora: hoxe, a Insight aterra en Marte