A aurora e o cráter Manicouagan desde a Estación Espacial


Créditos da imaxe: NASA
Explicación: cantas destas cousas podes atopar na fotografía publicada hoxe: unha aurora, luminescencia, un dos cráteres de impacto máis antigos da Terra, neve e xeo, estrelas, luces de cidade e parte da Estación Espacial Internacional? A maioría pode identificarse polas súas cores características. A aurora aparece aquí verde na parte inferior vermella na superior e visible atravesando a esquerda da imaxe. A luminescencia aparece laranxa e pode verse pendurada sobre a curva da Terra. O circular cráter Manicouagan de Canadá, cuns 100 quilómetros de diámetro e uns 200 millóns de anos de idade, pode verse cara a parte inferior dereita e está cuberto de neve branca e xeo. As estrelas, luces de cores, puntean o fondo escuro do espazo. As luces de cidade aparecen nun amarelo brillante punteando a paisaxe. Finalmente, cruzando a parte superior, parte da Estación Espacial Internacional (ISS) aparece sobre todo en cor marrón clara. A imaxe publicada foi tirada desde a ISS en 2012.