Versión mellorada da nube “golfiño” de Xúpiter

Créditos da imaxe: NASA, Juno, SwRI, MSSS; procesado: Gerald Eichstädt e Avi Solomon

Explicación: viches a nube con forma de golfiño de Xúpiter? A nube puido verse o ano pasado durante o perixove 16, a décimo sexta vez que a sonda espacial Juno da NASA pasou preto de Xúpiter desde que chegou a mediados de 2016. Durante cada perixove, a Juno pasa preto dunha parte lixeiramente diferente da parte superior das nubes de Xúpiter. A forma de golfiño pode abraiar pero carece de relevancia científica; as nubes de Xúpiter e da Terra están a mudar de seguido e temporalmente poden adquirir moitas formas familiares. A nube aparece no Cinto Temperado Meridional (STB polas súas iniciais en inglés) de Xúpiter, unha franxa de nubes escuras en descenso que cinguen o planeta e que tamén contén o óvalo BA, alcumado Mancha Vermella júnior. A imaxe publicada procesouse dixitalmente para salientar as cores mailo contraste. A vindeira pasada da Juno preto de Xúpiter (o perixove 20) acontecerá a finais de maio.