A Lúa agocha Saturno

Créditos da imaxe e copyright: Cory Schmitz

Explicación: ás veces Saturno desaparece. Aínda que realmente non marcha, só desaparece da nosa vista cando a nosa Lúa pasa por diante. Esa eclipse saturniana puido verse ao longo dunha pequena franxa da Terra, desde Brasil a Sri Lanka, case no final do mes pasado. A imaxe en cor publicada é unha fusión dixital das imaxes máis claras captadas por vídeos consecutivos do acontecemento tomados en vermello, verde e azul, e de xeito separado para Saturno e a máis brillante Lúa. As exposicións foron tiradas desde Suráfrica xusto antes da ocultación; e tamén xusto antes do amencer. Cando Saturno reapareceu na outra beira da Lúa case dúas horas máis tarde o Sol xa saíra. Este ano ocorrerán eclipses de Saturno pola Lúa case mensualmente pero, por desgraza, poden verse só para os que estean no lugar axeitado, con ceos claros e escuros.