Un ceo espectacular de Escorpio

Creditos da imaxe e copyright: Stéphane Guisard, TWAN

Explicación: se Escorpión lucira así de ben a ollo nu, os humanos poderían lembralo mellor. Normalmente Escorpión aparece como unhas poucas estrelas brillantes nunha constelación do zodíaco ben coñecida pero poucas veces sinalada. Aínda que para chegar a unha imaxe espactacular coma esta un necesita unha cámara boa, filtros de cor e un procesador de imaxes dixitais. Para salientar o detalle, a imaxe publicada non só envolveu exposicións de longa duración senón tamén unha toma nunha cor vermella moi específica emitida polo hidróxeno. A imaxe final amosa moitas características abraiantes. Cruzando verticalmente na esquerda da imaxe está parte do plano da nosa galaxia Vía Láctea. Aí poden verse enormes nubes de estrelas brillantes e filamentos longos de po escuro. Diagonalmente desde a Vía Láctea no centro da imaxe saliéntanse as franxas escuras de po coñecidas coma o río Escuro. Este río conecta varias estrelas brillantes na dereita que forman parte da cabeza e as pinzas do Escorpión, incluíndo a estrela brillante Antares. Por riba e á dereita de Antares hai un planeta incluso máis brillante: Xúpiter. Por toda a imaxe poden verse numerosas nebulosas de emisión vermellas e nebulosas de reflexión azuis. O Escorpión destaca nos ceos meridionais tralo solpor durante a metade do ano.