O Pan-STARRS ao través do ceo

Créditos da imaxe: R. White (STScI) e o PS1 Science Consortium

Explicación: esta ampla imaxe astronómica do ceo é un mosaico feito desde o observatorio Pan-STARRS. A imaxe rexistrouse cun telescopio de 1,8 metros no cumio o Haleakala na illa de Maui do planeta Terra. De feito, o polo norte celeste da Terra está centrado nesta proxección de todo o ceo. A declinación de 30 graos, o límite do horizonte meridional que se ve desde a hawaiana Valley Isle, define o bordo circular exterior. Por toda a escena espállanse eidos estelares ateigados e nubes de po cósmico ao longo do plano da nosa galaxia Vía Láctea co brillante bulbo do centro galáctico preto do fondo. A información da imaxe representa a segunda edición dos datos procedentes do Pan-STARRS (Panoramic Survey Telescope & Rapid Response System ou Telescopio de Exploración Panorámica e Sistema de Resposta Rápida), a exploración dixital do ceo máis grande do planeta. En 2017 o Pan-STARRS foi o primeiro en detectar o viaxeiro interestelar ‘Oumuamua, visitante do noso Sistema Solar.