Guechos ao redor na nebulosa Cabeza de Cabalo

Créditos da imaxe e copyright: Mario Zauner

Explicación: a famosa nebulosa Cabeza de Cabalo de Orión non está soa. Unha exposición fonda amosa que a marca escura de forma familiar, visible xusto por baixo do centro, forma parte nun complexo enorme de po absorbente e gas brillante. Para salientar os detalles do pasteiro da cabeza de Cabalo, un astrónomo amador empregou o seu telescopio caseiro en Austria para amorear e combinar de xeito artístico 7,5 horas de imaxes de luz de hidróxeno (vermello), osíxeno (verde) e xofre (azul). A resultante imaxe espectacular detalla un encerellado tapiz de guechos gasosos e filamentos cheíños de po que foron creados e esculpidos durante eóns polos ventos estelares e supernovas antigas. A nebulosa da Chama pode verse xusto á esquerda da Cabeza de Cabalo, mentres que a estrela brillante da parte superior esquerda é Alnilam, a estrela central do cinto de Orión. A nebulosa Cabeza de Cabalo está a 1 500 anos luz de distancia cara a constelación de Orión.