Silueta da Estación Espacial na Lúa

Créditos da imaxe e copyright: Eric Holland

Explicación: que é esa mancha estraña sobre a Lúa? Trátase da Estación Espacial Internacional. Cunha gran coordinación, a plataforma espacial que orbita a Terra foi fotografada no mes pasado por diante dunha Lúa xibosa parcialmente alumeada. A imaxe publicada tirouse desde Palo Alto, California, (EUA) cun tempo de exposición de só 1/667 de segundo. En contraste, a duración do tránsito da ISS ao través de toda a Lúa durou medio segundo máis ou menos. Un exame achegado desta estraña silueta definida da ISS desvelará o perfil dos numerosos paneis solares e estruturas metálicas. Pode verse o brillante cráter Tycho na parte inferior esquerda, así coma as terras claras, agrestes en comparación, coñecidas como as terras altas, e as zonas relativamente suaves e escuras coñecidas coma maria ou “mares”. Hai ferramentas en liña que che poden dicir cando se pode ollar a Estación Espacial Internacional desde onde vives.