Barco naufragado na posta da Lúa


Créditos da imaxe e copyright: Vikas Chander
Explicación: unha Lúa en crecente está a piques de afundirse baixo o horizonte occidental nesta paisaxe mariña e do ceo nocturno. A foto atmosférica tirouse o 11 de setembro desde a beira desértica da Costa dos Esqueletos de Namibia. Tan preto de ocultarse, o luar aparece avermellado e atenuado pola liña de visión baixa e longa que atravesa o Atlántico. Pero preto do centro do cadro Venus segue a brillar con intensidade, reflectíndose a súa luz nas quedas augas do océano. A almenara celeste por riba da brillante estrela do solpor é o planeta Xúpiter. A Costa dos Esqueletos de Namibia recibiu ese nome polos moitos ósos de baleas e focas que noutrora se espallaban polo litoral. En época máis recente coñécese mellor polos barcos naufragados.