O cometa 46P/Wirtanen


Créditos da imaxe e copyright: Alex Cherney (Terrastro, TWAN)
Explicación: o cometa periódico 46P/Wirtanen é o cometa máis brillante do ceo nocturno agora, pero demasiado feble para ser ollado a simple vista. Aínda que desde lugares con ceo escuro podería verse a ollo nu xustiño, mentres a súa órbita elíptica de 5,4 anos de duración chega ao seu punto máis achegado á Terra e ao Sol a mediados de decembro. Emitindo fluorescencia pola luz solar, a súa coma esférica ten case a metade do tamaño angular dunha lúa chea nesta vista do 7 novembre tomada con telescopio desde o hemisferio sur. Entón o cometa estaba a 2 minutos luz de distancia ou 35 millóns de quilómetros dos telescopios terrestre, polo que a bonita coma verdecente que se ve aquí ten uns 150 000 quilómetros de diámetro. Iso faino dun tamaño semellante ao de Xúpiter. O amoreamento de imaxes desvela tamén unha cola moi tenue que se estende cara as 4 en punto cunha galaxia que destaca lonxe no fondo na parte superior esquerda. O cometa 46P/Wirtanen, coma un visitante regular do Sistema Solar interior, foi unha vez o destino favorito para un encontro para a misión Rosetta de exploración cometaria da ESA.