A Lúa vella nos brazos na Lúa nova

Créditos da imaxe e copyright: Stan Honda
Explicación: esta noite a Lúa é nova de novo, pero esta imaxe abraiante dunha Lúa nova preto do horizonte occidental tirouse xusto tralo solpor do 10 de outubro. A luz cincenta do disco lunar, luz da terra reflectida desde a parte nocturna da Lúa, está cinguida polo fino crecente lunar alumeado polo sol con tan só dous días de idade. Ao longo do horizonte as cores esmorecidas do crepúsculo perfilan os discos das antenas dos radiotelescopios do Very Large Array, Novo México, planeta Terra. A vista desde a Lúa sería espectacular tamén. Cando a Lúa aparece no ceo da Terra coma un fino crecente, unha Terra case chea, cegadoramente brillante, veríase desde a superficie lunar. Unha descrición da luz cincenta, en ermos de luz solar reflectida polos océanos da Terra que voltaría a alumear a superficie escura da Lúa, foi escrita hai 500 anos por Leonardo da Vinci.