NGC 1499: a nebulosa California

 
Créditos da imaxe e copyright: Bray Falls
Explicación: incluso hai unha California no espazo. Esta nube cósmica, que vaga polo brazo de Orión a galaxia espiral Vía Láctea, por casualidade lembra o perfil de California na costa oeste dos Estados Unidos. O noso propio Sol tamén se atopa no Brazo de Orión da Vía Láctea, a só uns 1 500 anos luz da nebulosa California. Coñecida tamén coma NGC 1499, a clásica nebulosa de emisión ten uns 100 anos luz de lonxitude. Na imaxe publicada, o brillo máis destacado da nebulosa California é a luz vermella característica dos átomos de hidróxeno recombinándose cos electróns perdidos tempo atrás, arrincados (ionizados) pola potente luz estelar. A estrela que probablemente estea aportando a luz estelar enerxética que ioniza gran parte do gas nebular é Xi Persei, brillante, quente e azul, xusto á dereita da nebulosa. A nebulosa California, un obxectivo cotiá para astrofotógrafos, pode descubrirse cun telescopio de amplo campo baixo un ceo escuro cara a constelación de Perseo, non lonxe das Pléiades.