A Vía Láctea contra a luminescencia austral


Créditos da imaxe e copyright: Yuri Beletsky (Carnegie Las Campanas ObservatoryTWAN)
Explicación: unha excepcional luminescencia, captada a semana pasada tralo solpor nunha noite outoniza chilena, asolaga esta imaxe completa do ceo desde o Observatorio Las Campanas. A luminescencia era tan intensa que reducía partes da Vía Láctea mentres esta se arqueaba de horizonte a horizonte por riba do deserto de Atacama. A luminosa luminescencia, orixinada a unha altitude semellante ás auroras, débese á quimioluminescencia, a produción de luz pola excitación química. A emisión de luminescencia, gravada normalmente en cor polas sensibles cámaras dixitais, aparece aquí cunha aparencia ardente. Procede sobre todo dos átomos de osíxeno con densidades moi baixas e a miúdo estaba presente durante as noites do hemisferio sur dos últimos anos. Como a Vía Láctea, nesa noite escura a potente luminescencia foi moi visible a simple vista, pero sen cor. Xúpiter é o luceiro máis brillante que estaba en oposición ao Sol e preto do vulto central da Vía Láctea, erguéndose or riba do horizonte leste (arriba). Ámbalas dúas nubes de Magallanes Pequena e Grande brillan ao través da luminescencia por baixo da parte esquerda do plano galáctico, cara o horizonte sur.

Fotos astronómicas e música de theremín en vivo na Coruña o 25 de maio.