O panorama cara M101


Créditos da imaxe e copyrightJoonhwa Lee
Explicación: a grande e fermosa galaxia espiral M101 é unha das últimas entradas no famoso catálogo de Charles Messier, pero decididamente non a derradeira. Cuns 170 000 anos luz de diámetro, esta galaxia é enorme, con case o dobre do tamaño da nosa propia Vía Láctea. M101 foi tamén unha das nebulosas espirais orixinais observadas polo gran telescopio de Lord Rosse do século XIX, o Leviatán de Parsontown. M101 comparte este moderno campo panorámico telescópico con estrelas con puntas en primeiro plano da Vía Láctea e a compaña da galaxia anana NGC 5474 (abaixo á dereita). As cores das estrelas da Vía Láctea tamén se atopan na luz estelar do gran universo illa. O seu núcleo está dominado pola luz de estrelas frías e amarelas. Ao longo dos seus grandes brazos espirais estás as cores azuis das estrelas máis quentes e novas, mesturadas con escuros corredores de po e as rexións de formación estelar rosadas. M101, coñecida tamén coma a galaxia Tarabela, atópase no interior dos límites da constelación setentrional da Osa Maior, a uns 23 millións de anos luz de distancia. Probablemente NGC 5474 distorceuse polas súas interaccións gravitacionais no pasado coa dominante M101.