De cara a NGC 6946


Datos da imaxe composta – Subaru Telescope (NAOJ) e Robert Gendler; Procesado – Robert Gendler
Explicación: desde o noso lugar privilexiado na galaxia Vía Láctea vemos NGC 6946 de fronte. A grande e fermosa galaxia espiral está situada xusto a 10 millóns de anos luz de distancia, por tras dun veo de po e estrelas no primeiro plano na alta e afastada constelación de Cefeo. As cores da galaxia van mudando desde o núcleo cara fóra, pasando da luz amarelada das estrelas vellas do centro aos cúmulos de estrelas novas e azuis e as rexións de formación estelar avermelladas ao longo dos brazos espirais, abertos e fragmentados. NGC 6946 tamén é brillante en luz infravermella e rica en gas e po, amosando unha elevada tasa de formación e morte estelar. De feito, desde primeiros do século XX, polo menos descubríronse nove supernovas en NGC 6946, os estouridos mortais de estrelas masivas. Cuns 40 000 anos luz de diámetro, NGC 6946 tamén é coñecida coma a galaxia dos Foguetes. Este retrato excepcional de NGC 6946 é unha composición que inclúe datos procedentes do Telescopio Subaru de 8,2 metros en Mauna Kea.