Venus pola noite en infravermellos desde o Akatsuki

 Créditos da imaxe: JAXA, ISAS, DARTS; Procesado e copyright: Damia Bouic
Explicación: por que Venus é tan diferente da Terra? Para averigualo, Xapón lanzou a nave espacial automática Akatsuki que entrou en órbita ao redor de Venus a finais de 2015 despois dunha aventura non prevista de cinco anos ao redor do Sistema Solar interior. Aínda que Akatsuki xa superou o seu tempo de vida previsto, a sonda espacial e os instrumentos estaban a funcionar tan ben que gran parte da súa misión orixinal foi restablecida. Tamén coñecido coma Satélite Climático de Venus, os instrumentos do Akatsuki puxéronse a investigar temas descoñecidos sobre o planeta irmán da Terra, incluíndo se os volcáns seguen a estar activos, se hai lóstregos na súa densa atmosfera e porque a velocidade do vento supera moito a velocidade de rotación do planeta. Na imaxe publicada que tirou a cámara IR2 do Akatsuki, a parte nocturna de Venus amosa unha banda ecuatorial con borte dentado de nubes escuras e altas que absorben a luz infravermella procedente das capas máis fondas e quentes da atmosfera de Venus. A fita negra e laranxa brillante da parte superior dereita é un artefacto dixital falso que cobre a parte máis brillante onde pega o sol de Venus. As análises das imaxes do Akatsuki e os datos están a amosar que Venus ten chorros ecuatoriais semellantes ás correntes en chorro da Terra.

Xa está aquí a xira anual de charlas do APOD, con charlas de astronomía por toda Galicia. O 2 de febreiro en Santiago de Compostela.