Lazadas e perlas en NGC 1398

Créditos da imaxe: European Southern Observatory
Explicación: por que algunhas galaxias espirais teñen un anel ao redor do centro? A galaxia espiral NGC 1398 non só ten un anel perlado de estrelas, gas e po ao redor do seu centro, tamén conta cunha barra de estrelas e gas que atravesa o seu centro e brazos espirais que semellan facer lazadas cara o exterior. A imaxe publicada foi tirada co Telescopio Moi Grande do ESO no Observatorio Paranal de Chile e descrebe esta gran espiral cun detalle impresionante. NGC 1398 está a uns 65 millóns de anos luz de distancia, o que significa que a luz que vemos hoxe abandonou a galaxia cando os dinosaurios estaban a se extinguir na Terra. A fotoxénica galaxia pode verse cun telescopio pequeno cara a constelación do Forno (Fornax). O anel preto do centro probablemente é unha onda de densidade de formación estelar en expansión, provocada ben por un encontro gravitacional con outra galaxia, ben polas propias asimetrías gravitacionais dela mesma.