Unha Trompa de Elefante en Cefeo

 
Créditos da imaxe e copyright: Procesado – Robert Gendler, Roberto Colombari
Datos – Subaru Telescope (NAOJ), Robert Gendler, Adam Block
Explicación: con datos procedentes de telescopios grandes e pequenos, este primeiro plano amosa a poeirenta nebulosa Trompa de Elefante. Espállase pola nebulosa de emisión e o complexo e novo cúmulo estelar IC 1396, na alta e afastada constelación de Cefeo. Coñecida tamén coma vdB 142, a trompa cósmica de elefante ten unha lonxitude duns 20 anos luz. A imaxe chea de cor salienta as cristas brillantes en retroceso que perfilan os empaquetamentos de po e gas interestelar da rexión. Esas nubes incrustadas e escuras, con forma ensarillada, conteñen o material en bruto para a formación estelar e agochan protoestrelas no interior. A case 3 000 anos luz de distancia, o relativamente feble complexo IC 1396 cobre unha gran zona do ceo, abarcando uns 5 graos. Esta escena espectacular abarca 1 grao de campo, máis ou menos o tamaño de 2 lúas cheas.

Coñeces Ceos Galegos? Imaxes do país cun texto divulgativo.