A brillante nebulosa planetaria NGC 7027 desde o Hubble

 
Créditos da imaxe: Hubble, NASA, ESA; Procesado e licenza: Judy Schmidt
Explicación: é unha das nebulosa planetarias máis brillantes do ceo; como debería ser chamada? Descuberta por primeira vez en 1878, a nebulosa NGC 7027 pode verse cara a constelación do Cisne (Cygnus) cun telescopio normal de afeccionado. Rara vez recibe un alcume, en parte porque aparece aí só como unha mancha pouco definida. Porén, ao ser fotografada desde o Telescopio Espacial Hubble en órbita terrestre desvélanse grandes detalles. O estudo das imaxes do Hubble de NGC 7027 levaron ao coñecemento de que é unha nebulosa planetaria que comezou a expandirse hai uns 600 anos e que a nube de gas e po é estrañamente masiva xa que semella conter unhas tres veces a masa do noso Sol. Nesta fotografía con cores asignadas, as caracteristicas entrelazadas polo po, estratificadas e definidas de NGC 7027 poderían lembrarlle aos entusiastas do ceo a unha icona familiar que podería ser a base para un nome informal. Unha suxerencia previa coñecida foi a nebulosa Almofada; pero por favor, podes facer novas suxerencias sen compromiso. Por exemplo, nun foro de discusión en liña do APOD.