Halo solar sobre Suecia



Créditos do vídeo e copyright: Håkan Hammar (Vemdalen Ski Resort, SkiStar)
Explicación: que lle está a pasar ao Sol? Ás veces semella que o Sol se olla ao través dunha lente xigante. Porén, en realidade no vídeo publicado hai millóns de lentes pequenas: cristais de xeo. A auga pode conxelarse na atmosfera en pequenos cristais de xeo, planos e de seis facianas. Cando estes cristais abalan cara o chan, pasan gran parte do tempo coas súas facianas planas en paralelo ao solo. Un observador pode atopalos no mesmo plano que os cristais de xeo que caen preto do amencer ou solpor. Durante este aliñamento, cada cristal pode actuar coma unha lente en miniatura, refractando a luz solar cara a nosa vista e creando fenómenos como o parhelio, o termo técnico para os sundogs (N.T.:denominación en inglés que literalmente significa “cans do sol”). O vídeo superior foi tomado hai un mes na ladeira dun outeiro para esquiar no centro turístico de esquí Vemdalen preto de Estocolmo, Suecia. No centro está visible a imaxe máis directa do Sol, mentres que dous parhelios intensos brillan moito a ámbolas dúas beiras, esquerda e dereita. Tamén pode verse o brillante halo de 22 graos, así coma o máis raro e tenue halo de 46 graos, creado tamén pola luz solar reflectida desde os cristais de xeo atmosférico.

Ceos Galegos, unha imaxe diaria con texto didáctico e un calendario astronómico xa está no aire.