Un ceo contento sobre Los Ángeles

Créditos da imaxe e copyright: Dave Jurasevich (Observatorio do Monte Wilson)

Explicación: ás veces, o ceo parece sorrirlle ben á Terra. Neste día de 2008, visible sobre o planeta, había unha pouco habitual superposición da nosa Lúa e os planetas Venus e Xúpiter. As imaxes tiradas no intre correcto amosan un cuarto crecente que semella ser un sorriso ao emparellarse coa conxunción planetaria dos aparentemente achegados Xúupiter e Venus. Nesta fotografía está a escena que aparecía desde o observatorio do Monte Wilson mirando desde arriba Los Ángeles, California (EUA) tralo solpor do 30 de novembro de 2008. No máis alto do ceo e máis afastado está o planeta Xúpiter. Moito máis preto e visible por baixo e á esquerda de Xúpiter está Venus, aparecendo ao través das nubes atmosféricas da Terra nun azul estraño. No extremo dereito, sobre o horizonte, está a nosa Lúa nunha fase crecente. As nubes finas alumeadas pola Lúa semellan estrañamente laranxas. Na parte inferior da imaxe espállanse os outeiros de Los Ángeles, moitos cubertos por unha tenue brétema, mentres que os rañaceos de LA poden ollarse no extremo esquerdo. Horas despois de tomar esta imaxe a Lúa achegouse ao afastado dúo, eclipsou brevemente a Venus, e despois seguiu movéndose. Esta semana está a ocorrer outra conxunción de Venus e Xúpiter e pode ollarse desde gran parte do planeta Terra cara o leste xusto antes do mencer.