O guecho triangular de Williamina Fleming


Créditos da imaxe e copyright: Sara Wager
Explicación: estes filamentos ensarillados de gas brillante batido, de aparencia caótica, espállanse polo ceo do planeta Terra cara a constelación do Cisne coma parte da nebulosa do Veo. A propia nebulosa do Veo é un gran refugallo de supernova, unha nube en expansión nada da explosión mortal dunha estrela masiva. A luz do estoupido orixinal da supernova chegou á Terra probablemente hai uns 5 000 anos. As ondas de choque interestelares, expulsadas no cataclísmico evento, abríronse paso polo espazo varrendo e excitando material interestelar. Os filamentos brillantes son realmente máis parecidos a ondas longas nunha folla que vemos case de canto, moi ben separados polo seu brillo os átomos de hidróxeno ionizado que se amosan en cor vermella e os de osíxeno en azul. A nebulosa do Veo, coñecida tamén coma bucle do Cisne, abarca agora case 3 graos ou unhas 6 veces o diámetro da Lúa chea. Mentres que iso se traduce nuns 70 anos luz á súa distancia estimada de 1 500 anos luz, o campo desta imaxe abarca menos dun terzo esa distancia. O complexo de filamentos, a miúdo identificaco coma o Triángulo de Pickering por un director do observatorio de Harvard Collegecatalógase coma NGC 6979. Tamén se lle coñece pola súa descubridora, a astrónoma Williamina Fleming, coma o Guecho Triangular de Fleming.

Xa tes o teu Ceos Galegos – calendario astronómico 2018?