O reloxo astronómico de Praga


Créditos da imaxe e licenza: Jorge Láscar
Explicación: no centro de Praga hai un reloxo co tamaño dunha casa. Durante o día, amoréase a xente para contemplar o espectáculo cando repenica nunha nova hora. A faciana do Reloxo Astronómico de Praga é impresionantemente complexa, dando non so a hora normal co respecto ao Sol (tempo solar), senón a hora relativa ás estrelas (tempo sidéreo), as horas do mencer mailo solpor, a hora no ecuador, a fase da Lúa e moito máis. O reloxo comezou a funcionar en 1410 e, aínda que se fixeron moitos traballos no interior para modernizalo varias veces, conserva partes orixinais. Por baixo do reloxo hai un calendario solar, case do mesmo tamaño, pero estático. Na imaxe, o Reloxo Astronómico de Praga foi fotografado solitario nunha mañanciña de marzo de 2009. O Reloxo Astronómico de Praga e a Vella Torre da Cidade por tras del están a ser renovados de novo na actualidade, agardando que o reloxo estea restaurado en xuño de 2018.

Xa tes o teu Ceos Galegos – calendario astronómico 2018?