NGC 7635: burbulla nun mar cósmico


Créditos da imaxe e copyright: Rolf Geissinger
Explicación: a delicada aparición flotante á esquerda do centro deste amplo campo de vista, orzando nun mar cósmico de estrelas e gas brillante, catalógase coma NGC 7635, a nebulosa Burbulla. Con só 10 anos luz de anchura, a pequena nebulosa Burbulla foi inflada polo ventos procedentes dunha estrela masiva. Atópase dentro dun complexo máis grande de nubes de gas e po interestelar a uns 11 000 anos luz de distancia, a escarranchapernas entre as constelacións parentes de Cepheus e Cassiopeia. A uns 5 000 anos luz de distancia, inclúese nesta vista abraiante o cúmulo estelar aberto M52 (abaixo á esquerda). Por riba e á dereita da nebulosa Burbulla hai unha rexión de emisión identificada coma Sh2-157, coñecida tamén como a nebulosa Gadoupa. Esta imaxe, que abarca uns 3 graos do ceo, construíuse a partires de 47 horas de exposicións de banda estreita e ampla. Iso correspóndese a unha anchura de 500 anos luz á distancia estimada da nebulosa Burbulla.

Proxecto: Ceos Galegos 2018 – calendario astronómico