Os outeiros Marius e un burato na Lúa


Créditos da imaxe: NASA, Lunar Orbiter 2; Inserido: Lunar Reconnaissance Orbiter
Explicación: poderían os humanos vivir por baixo da superficie da Lúa? Esta intrigante posibilidade fortaleceuse en 2009 cando a nave espacial xaponesa SELENE, en órbita lunar, fotografou un curioso burato baixo a superficie da rexión dos outeiros Marius da Lúa, posiblemente unha bufarda a un tubo de lava subterráneo. As observacións seguintes do Lunar Reconnaissance Orbiter (LRO) da NASA indicaron que o burato dos outeiros Marius (MHH, por Marius Hills Hole) se extende visualmente cara abaixo uns 100 metros e ten varios centos de metros de anchura. Máis recentemente, os datos do radar de penetración do solo da SELENE foron reanalizados para desvelaren unha serie de ecos secundarios estraños; indicadores de que os amplos tubos de lava existentes baixo os outeiros Marius poderían estenderse por quilómetros e chegar a ser abondo grandes para albergar cidades. Tubos coma estes poderían protexer a unha futura colonia lunar do amplo rango de temperaturas, os impactos de micro-meteoritos e os danos da radiación solar. En potencia, os tubos subterráneos de lava tamén poderían fecharse para conter aire respirable. Estes tubos de lava formáronse probablemente cando os volcáns lunares estaban activos hai milleiros de millóns de anos. Na fotografía, a superficie da rexión dos outeiros Marius foi tomada nos anos 60 pola misión da NASA Lunar Orbiter, mentres que a imaxe inserida do MHH pertence ao LRO da NASA, aínda actico. Poden verse varios domos volcánicos, mentres que o cráter Marius pode ollarse na parte superior dereita.

Proxecto: Ceos Galegos 2018 – calendario astronómico