A galaxia agochada IC 342

 
Créditos da imaxe e copyright: T. Rector (U. Alaska Anchorage), H. Schweiker, WIYN, NOAO, AURA, NSF
Explicación: semellante en tamaño ás galaxias espirais grandes e brillantes da nosa veciñanza, IC 342 está a tan só 10 millóns de anos luz de distancia na constelación setentrional, de longo pescozo, de Camelopardalis. IC 342, un universo illa estarricado, sería unha galaxia destacada no noso ceo nocturno, pero está agochada dunha visión clara e só se albisca ao través do veo de estrelas, gas e nubes de po ao longo do plano da nosa propia galaxia da Vía Láctea. Incluso ao través da luz de IC 342 que se atenúa polas nubes cósmicas que se interpoñen, esta definida imaxe telescópica perfila o propio po escurecedor da galaxia, os cúmulos estelares azuis e as rexións de formación estelar rosadas e brillantes ao longo dos brazos espirais que se espallan ben lonxe do núcleo da galaxia. IC 342 pode ter sufrido un estoupido recente de actividade de formación estelar e está abondo preto para ter influído gravitatoriamente a evolución do grupo local de galaxias e a Vía Láctea.