Fogos de artificio celestes: no interior do cúmulo estelar Westerlund 2



Créditos da visualización: NASA, ESA, Hubble, J. Anderson et al. (STScI); Agradecementos: The Hubble Heritage Team (STScI/AURA), A. Nota (ESA/STScI), the Westerlund 2 Science Team mailo ESO
Explicación: como sería ir dereitiños cara o interior dun cúmulo no que se están a formar estrelas? Xusto como se ve nun vídeo secuencia dun minuto que se fixo cunha simulación informática 3D da rexión ao redor do cúmulo estelar Westerlund 2, baseada en imaxes procedentes do Telescopio Espacial Hubble en luz visible e infravermella. Westerlund 2 abarca uns 10 anos luz de diámetro e atópase a uns 20 000 anos luz de distancia cara a constelación da Quilla do Barco (Carina). Cando comeza a animación ilustrativa, a máis grande nebulosa Gum 29 enche a pantalla, co cúmulo novo de estrelas brillantes visible no centro. As estrelas zoan ao teu carón cando de achegas ao cúmulo. Axiña o teu barco imaxinario pivota e pasas sobre piares dun ano luz de longos de gas e po interestelar. Os potentes ventos maila radiación procedentes de estrelas novas e masivas o destrúen todo agás os grumos de po achegados máis densos, deixando estes piares nas súas sombras, moitas apuntando atrás cara o centro do cúmulo. Ao final, pasar polo alto do cúmulo de estrelas e exploras cendos das estrelas máis masivas coñecidas.