Visións da Cassini en Saturno

Créditos das imaxes: Cassini Imaging Team, ISS, JPL, ESA, NASArecompilación de vídeo: Chris Abbas;
créditos da música e licenza: Ghosts I-IV (Nine Inch Nails)
Explicación: que ten visto a sonda Cassini en Saturno? O vídeo musical publicado amosa algunhas das primeiras cousas salientables. Na primeira secuencia do vídeo (00:07) aparece unha liña vertical que en realidade son os finos aneis de Saturno ollados case de canto. Pronto pasan a fume de carozo algunhas das lúas de Saturno. A seguinte secuencia (00:11) amosa o estrañamente ondulante anel F de Saturno que está confinado polas dúas lúas pastoras que tamén o turban continuamente. Axiña pasa coma unha frecha gran parte do amplo sistema de aneis, ás veces xustaposto pola grandeza do propio e inmenso planeta. Destácanse de seguido o patrón de nubes de Titán (00:39) e Saturno (00:41). Despois amósanse cortes dos sobrevoos de varias lúas que inclúen Phoebe, Mimas, Epimetheus e Iapetus. Noutras secuencias, as lúas de Saturno semellan pasar entre elas mentres orbitan ao planeta. Os eidos de estrelas do fondo introdúcense ás veces por tras das lúas en movemento. A sonda espacial automática Cassini estivo a revolucionar o coñecemento da humanidade sobre Saturno e as súas lúas desde 2004. En setembro, a misión da Cassini será levada a un remate emocionante mentres a sonda espacial é dirixida a mergullarse dentro do xigante dos aneis.