Saturno preto da oposición


Créditos da imaxe e copyright: D. Peach, E. Kraaikamp, F. Colas, M. Delcroix, R. Hueso, G. Therin, C. Sprianu, S2P, IMCCE, OMP
Explicación: Saturno chegou á súa oposición de 2017 o 16 de xuño. Por suposto, oposición significa que está oposto ao Sol no ceo da Terra e preto deste momento Saturno está no alto toda a noite, sendo tamén o periodo máis brillante e achegado do ano. Esta imaxe tan definida do planeta dos aneis foi tirada só uns días antes, o 11 de xuño, cun telescopio de 1 metro desde o observatorio do cumio Pic du Midi. O norte está arriba, véndose con claridade a tormenta polar do planeta xigante e o curioso hexágono bañados pola luz solar. Pero o espectacular sistema de aneis de Saturno tamén se amosa con moito detalle. A estreita división Encke pode ollarse ao redor do anel A, completo e o máis exterior, poden perfilarse pequenos bucles dentro do máis tenue anel interior C e o hemisferio meridional de Saturno albíscase ao través da máis ampla división de Cassini. Preto da oposición, os aneis de Saturno semellan excepcionalmente brillantes, o que se coñece coma a explosión da oposición ou efecto Seeliger. Ao seren alumeadas directamente desde a perspectiva terrestre, as partículas xeadas dos aneis non proxectan sombras e esparexen potentemente a luz solar creando un emocionante aumento do brillo. Con todo, as mellores vistas do planeta anelado son actualmente as da sonda espacial Cassini que está a orbitar a Saturno. Mergullándose preto, a órbita número 9 do Grand Finale da Cassini está a acontecer.