IC 418: a nebulosa Espirógrafo


Créditos da imaxe: NASA, ESA mailo equipo Hubble Heritage (STScI/AURA); Agradecementos: R. Sahai (JPL) et al.
Explicación: que está a crear a estraña textura de IC 418? A nebulosa planetaria IC 418, alcumada a nebulosa Espirógrafo pola súa semellanza cos debuxos dunha ferramenta de debuxar cíclica, amosa deseños que non se comprenden de todo. Quizais estean relacionados cos ventos caóticos procedentes da estrela variable central, que cambia de brillo de xeito impredicible en só unhas poucas horas. En contraste, a evidencia indica que hai só uns poucos millóns de anos IC 418 era probablemente unha estrela ben coñecida parecida ao noso Sol. Hai só uns poucos milleiros de anos, IC 418 era probablemente unha estrela xigante vermella común. Pero desde que esgotou o seu combustible nuclear, a envoltura máis externa comezou a expandirse cara fóra deixando un núcleo quente remanente destinado a se converter nunha estrela anana branca, visible no centro da imaxe. A luz procedente do núcleo central excita os átomos do arredor da nebulosa facéndoos brillar. IC 418 atópase a uns 2 000 anos luz de distancia e abarca 0,3 anos luz de diámetro. Esta imaxe en cores simuladas tomada polo Telescopio Espacial Hubble desvela detalles non habituais.