Buratos negros de masa coñecida

 
Créditos da ilustración: LIGO, NSF, Aurore Simonnet (Sonoma State U.)
Explicación: engade GW170104 á listaxe de buratos negros con masa coñecida. A fusión, enormemente enerxética, de dous buratos negros máis pequenos correspóndese á terceira detección de ondas gravitacionais do Laser Interferometer Gravitational-wave Observatory (LIGO ou Observatorio de Ondas Gravitacionais por Interferometría Láser). O burato negro recén atopado ten unha masa duns 49 soles, enchendo un oco entre as masas dos dous buratos negros fusionados que se detectaran anteriormente por LIGO, con masas solares de 62 (GW150914) e 21 (GW151226). Nos tres casos, o sinal de cada un dos detectores xemelgos LIGO foi identificado sen ambigüidade coma proveniente das fusións dos buratos negros mentres que un cuarto caso (LVT151012) resultou ser unha detección de menor fiabilidade. Estímase que GW170104 está a uns 3 milleiros de millóns de anos luz de distancia, máis afastado que as estimacións actuais para GW150914 e GW151226. As ondas do espazotempo foron descubertas durante a actual rolda de observacións do LIGO que comezou o 30 de novembro de 2016 e continuará durante o verán.