Unha ollada cara M101

Créditos da imaxe e copyright: Laszlo Bagi
Explicación: a grande e fermosa galaxia espiral M101 é unha das últimas entradas do famoso catálogo de Charles Messier, pero seguro que non das máis pequenas. Cuns 170 000 anos luz de diámetro, esta galaxia é enorme, case dúas veces o tamaño da nosa propia galaxia Vía Láctea. M101 era tamén unha das nebulosas espirais orixinais observadas co gran telescopio do século XIX de lord Rosse, o Leviatán de Parsontown. M101 comparte este moderno campo de vista telescópico con estrelas picudas da Vía Láctea e galaxias máis afastadas en segundo plano. As cores das estrelas da Vía Láctea tamén poden atoparse na luz estelar do gran universo illa. O seu núcleo está dominado pola luz procedente das estrelas amareladas. Ao longo dos seus grandes brazos espirais están as cores azuis das estrelas máis mozas e quentes mesturadas cos corredores de po escuro e as rexións de formación estelar rosadas. Tamén coñecida coma galaxia Tarabela, M101 atópase dentro dos límites da constelación setentrional da Osa Maior, a uns 25 millóns de anos luz de distancia.