Simeis 147: remanente de supernova


Créditos da imaxe e copyright: Daniel López (El Cielo de Canarias) / IAC
Explicación: é doado perderse ao seguir os intrincados filamentos desta imaxe detallada do tenue remanente de supernova Simeis 147. Catalogado tamén coma Sharpless 2-240 recibe un alcume popular: a nebulosa Espagueti. Situada pola fronteira das constelacións Taurus e Auriga, cobre case 3 graos ou 6 lúas cheas no ceo. Iso son uns 150 anos luz de refugallos estelares á distancia estimada para a nube de 3 000 anos luz. Esta composición inclúe datos da imaxe tirados ao través de filtros de banda estreita, salientando a emisión avermellada procedente dos átomos de hidróxeno ionizado para perfilar o gas brillante e golpeado. O remanente de supernova ten unha idade estimada duns 40 000 anos, o que significa que a luz procedente da masiva explosión estelar chegou á Terra por primeira vez hai 40 000 anos. Pero o gran remanente non é a única secuela. A catástrofe cósmica deixou por tras tamén unha estrela de neutróns xiratoria ou púlsar, todo o que queda do núcleo estelar orixinal.