O grupo galáctico Hickson 90


Créditos da imaxe: NASA; ESA, Hubble Legacy Archive; Procesado: Oliver Czernetz
Explicación: explorando o ceo na procura de galaxias, o astrónomo canadense Paul Hickson e os seus compañeiros identificaron uns 100 grupos compactos de galaxias, denominados agora axeitadamente Grupos Compactos de Hickson (HCGs). Esta imaxe definida do Hubble amosa un deses grupos galácticos, HCG 90, nun detalle abraiante. Sábese que as tres galaxias (aquí vemos dúas) están a interaccionar fortemente: unha galaxia espiral poeirenta estricada e retorta no centro da imaxe, e dúas grandes galaxias elípticas. O encontro achegado desencadeará unha formación estelar frenética. Nunha escala de tempo cósmica, ao final o turra-soga gravitacional resultará nunha fusión do trío nunha gran galaxia única. Agora comprendemos que o proceso de fusión é unha parte normal da evolución das galaxias, incluíndo á nosa propia Vía Láctea. HCG 90 atópase a uns 100 millóns de anos luz de distancia cara a constelación do Peixe Austral (Piscis Austrinus). Esta vista do Hubble abarca uns 40.000 anos luz a esa distancia estimada. Por suposto, os Grupos Compactos de Hickson tamén son unha recompensa para a visión dos astrónomos terrestres con telescopios de tamaño máis modesto.