As estrelas xemelgas Póllux e Cástor


Créditos da imaxe e copyright: Rogelio Bernal Andreo (Deep Sky Colors)
Explicación: quen son os xemelgos de Xémini? En termos dos obxectos astronómicos, a famosa constelación está dominada por dúas estrelas brillantes: Póllux (esquerda) e Cástor (dereita). Na fotografía, as dúas estrelas salientan polo seu brillo, tan semellantes ámbalas dúas en ángulo e luminosidade, pero tan diferentes en cor. Póllux, a 33 anos luz de distancia, é unha estrela xigante vermella evolucionada tan masiva coma o noso Sol. Cástor, a 51 anos luz de distancia, é unha estrela azul da secuencia principal unhas 2,7 veces máis masiva có noso Sol. Cástor é coñecida por ter ao menos dúas compañeiras estelares, mentres de Póllux sábese agora que é orbitada polo menos por un planeta masivo. En termos das antigas mitoloxías babilonia, grega e romana, Cástor e Póllux representan dous irmáns xemelgos. Actualmente, a órbita da Terra está a facer que o Sol pareza moverse por diante da constelación de Xémini, co resultado de que para gran parte da humanidade Cástor e Póllux serán visibles cara o oeste no solpor só por unhas poucas semanas.